Lugo celebrou este domingo unha nova edición do Corre Con Nós, que discorreu polo entorno do Centro Comercial As Termas, e na que se deron cita ao redor de 2.800 atletas de todas as idades, dos 5 anos en diante, tanto afeccionados como profesionais, e de todos os puntos do municipio e da provincia.
Trátase da segunda carreira popular, enmarcada na 16ª edición do Circuíto Larsa Corre con Nós, que engloba 6 carreiras ata xuño.
O Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, deu o pistoletazo de saída ás diferentes categorías desta carreira, que tivo un percorrido de entre os 300 metros e os 2,5 quilómetros para as categorías infantís e de 5 quilómetros para os adultos. Fernández fixo fincapé no “éxito de participación” desta cita deportiva, animada polo bo tempo, así como nas súas potencialidades, que pasan por fomentar a práctica deportiva e por promover a riqueza de Lugo.
Ao finalizar as probas, o Concelleiro fixo entrega de medallas e trofeos aos gañadores das categorías infantís, tanto femininas como masculinas.
As vindeiras probas do circuíto terán lugar o sábado 2 de abril e o domingo 17 de abril, así como o sábado 7 de maio e o domingo 5 de xuño.