O Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, acompañado dunha ducia de veciños e veciñas, supervisou as actuacións de mellora que o Concello está a acometer en Bazar co fin de restaurar o lavadoiro desta parroquia e recuperar así este recurso tradicional. Deste xeito, o Concello continúa a executar os 59 proxectos demandados polos lucenses que contan cunha dotación económica de 500.000 euros
Os traballos, nos que a entidade local investiu uns 10.000 euros e que benefician a medio cento de veciños e veciñas, estarán rematados ao longo do mes de abril.
“O Goberno acomete estas actuacións posto que se enmarcan dentro do noso compromiso por mellorar as dotacións do rural e por garantir a mesma calidade de vida aos veciños e veciñas que vivan tanto na cidade como no rural, asegurándolles a todos os lucenses os mesmos servizos públicos”, subliñou Fernández.
A reparación do lavadoiro súmase a outras actuacións que o Concello vén de realizar en diferentes parroquias do rural, como a suxeición de colectores en Tirimol, a instalación dun parque biosaudable en Santa Comba, o abastecemento en Meilán ou a renovación do local social de Bosende.