O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, recibiu este luns, aos 48 alumnos do IES Muruais da Pontenova, xunto aos compañeiros italianos de intercambio cultural do Liceo Antonio Banfi da localidade de Vimercate, que participan no programa de intercambio entre o centro lucense e o centro italiano.
Darío Campos amosouse especialmente orgulloso de recibir aos alumnos do seu Concello “sodes os meus veciños, e en parte tamén responsables de que eu este aquí hoxe. Por iso hoxe é un dia especial para min, e síntome especialmente orgulloso de recibirvos na Deputación, que dende agora tamén é a vosa casa”.
Campos subliñou a importancia dos intercambios nesta etapa escolar “é unha boa oportunidade para que os alumnos que nos visitan descubran a nosa riqueza cultural e a nosa historia, pero tamén son vitais para o voso desenvolvemento persoal “.
Asemade o Presidente da Deputación aproveitou a presentación cos alumnos para explicar a función primordial da Deputación “a nosa función aquí é a de prestar cooperación cos concellos pequenos, tanto a nivel xurídico, económico ou técnico, é dicir, axudarlles a desenvolver a súa actividade diaria”.
Os alumnos percorreron o Pazo de San Marcos, e visitaron o Salón de Plenos, Sala de Xuntas, Salón verde, Xardíns e Sala de Exposicións. O acto rematou coa entrega de agasallos institucionais.