Lugonovo, ante a situación de abandono e deterioro que amosan moitas áreas e solares da zona antiga, insta ao Goberno a que, dentro dun plan de revitalización do Casco Histórico, poña en marcha actuacións encamiñadas a acondicionar os espazos abandonados e baleiros no recinto amurallado, co fin de mellorar a súa estética. “Trátase de pór en valor estes espazos degradados para ser utilizados pola veciñanza, ao tempo que se crearía emprego no seu acondicionamento”, indica Santiago Rocha, portavoz do grupo municipal.
Os tipos de actuación comprenderían “a limpeza xeral, a roza, o valado, a colocación de mobiliario urbano puntual, o pintado de edificios e pequenas intervencións sobre os inmobles. Todas estas intervencións terían como obxectivo permitir a utilización destas áreas, transformando ao mesmo tempo a imaxe da cidade e creando emprego”.
“Trataríase de arranxar e darlle un uso provisional a ducias de solares sen utilizar, mediante un convenio entre o concello e os propietarios dos mesmos. Lugonovo pretende que “o Concello realice gratuitamente ou a baixo custo as intervencións a cambio de que os propietarios fagan unha cesión temporal dos terreos, cun mínimo de de entre 2 e 4 anos”.
“Esta medida acompañaríase dunha maior esixencia e rigorosidade por parte da administración local nas obrigas dos particulares en cuestión de estética e conservación das súas propiedades, principalmente na zona centro”, destacou. Rocha.
O representante de Lugonovo incidiu en que, “para a realización destas intervencións, poríase en marcha un plan de emprego para parados de longa duración e primando a utilización de produtos e materiais reciclados, reducindo deste xeito o impacto ambiental das actividades”
“Os usos dos solares irían encamiñados a un aumento de espazos habilitados para a práctica de deportes, zonas de xogos para nenos, hortos urbanos, pequenos mercadiños ou simples lugares de encontro e descanso. Serían, todas, intervencións de baixo custo que xerarían focos de nova vitalidade, creando novos usos e revalorizando, cun maior dinamismo, ao Casco Histórico”, rematou.