Sobreseida e arquivada a causa contra tres traballadoras do Centro de Día Antonio Gandoy

As traballadoras do Centro Antonio Gandoy veñen de enviar aos medios de comunicación un comunicado solicitando que se faga unha rectificación a unha información aparecida hai tempo acolléndose á “LO 2/1984, que no seu artigo 1 di: “Toda persoa natural ou xurídica, ten dereito a rectificar a información difundida, por calquera medio de comunicación social, de feitos  que lle aludan, que considere inexactos e cuxa divulgación poida causarlle prexuízo”.Por elo piden se publique o documento adxunto no  que se informa do sobresemento e arquivo da causa contra tres traballadoras do Centro de Día Antonio Gandoy.

Debido a que durante varios días a noticia da acusación foi amplamente difundida, causando prexuízo “ao noso honor persoal e profesional, por non falar do dano a usuarios e familias do Centro”; solicitan que se lle dea á  noticia do sobresemento, a mesma importancia que se lle deu á denuncia.

Xornal de Lugo, aínda que en ningún momento se fixo eco da “noticia”, publica o comunicado en solidariedade coas traballadoras do Centro Gandoy.

Comunicado:

O xulgado de instrución 1 decretou o sobresemento e arquivo da causa contra tres traballadoras do Centro de Día Antonio Gandoy, que permanecían investigadas desde o 2013 pola denuncia interposta por unha ex traballadora e unha ex alumna en prácticas por un suposto delito de acoso laboral e malos tratos, tamén reflicte o auto que non existiu acoso á psicóloga do Centro como esta relataba.

O xuíz manifesta na resolución que “tras un extenso labor de investigación non se puido constatar, nin sequera “indiciariamente”, a existencia dun comportamento delituoso por parte da dirección do Centro”, “nin por ningunha das empregadas deste, non só no coidado dos usuarios, senón tamén no trato dos restantes empregados do Centro”.

Tamén indica o xuíz que “a investigación puxo de manifesto que a orixe das denuncias podería atoparse nunha situación derivada dunha mala relación laboral e persoal”.

Tras practicarse numerosas “testificais” máis aló do alegado polas denunciantes e o relatado por algunha compañeira”, descártase a situación de acoso, defendendo as testemuñas a profesionalidade das súas compañeiras e o trato correcto por parte da directora do Centro, chegando a manifestarse nalgunha declaración que o acoso poderíase dar en sentido contrario ao denunciado.

“Á mesma conclusión debe chegarse en relación á denuncia de malos tratos e mala praxe no coidado e atención dos usuarios, ningunha das dilixencias practicadas permite apreciar nin sequera “indiciariamente” tales aseveracións, todo o contrario”, “non existindo ningún dato obxectivo que corrobore no máis mínimo o exposto polas denunciantes, é máis, existen datos que poñen en cuestión a credibilidade do declarado “por algunha delas.

Por todo iso conclúese que “non se aprecian indicios delituosos na actuación do persoal do Centro, así como tampouco na documentación administrativa remitida e unida ao expediente” decretándose o sobresemento da causa e procedendo ao seu arquivo, sendo esta decisión firme e definitiva.

A dirección e traballadoras do Centro queremos agradecer o apoios manifestados nestes tres longos anos, especialmente aos nosos usuarios e as súas familias; e aproveitamos para facer unha pequena reflexión sobre o feito de que ultimamente no noso país hai moitos que fan como a Raíña de corazóns de Alicia, cando polas boas e sen pensalo xulgan a treo e sentencian que roden cabezas.

O dereito á presunción de inocencia garante ao imputado/investigado a posibilidade de ser tratado como inocente ata que non se demostre o contrario; pero esta presunción de inocencia vese afectada polos chamados “xuízos paralelos” que ditaminan unha sentenza antes de que o faga o xuíz “Primeiro a sentenza e despois o veredicto” dicía a Raíña de corazóns; e xa sexa pola mala praxe dalgúns políticos e dalgúns medios de comunicación ou pola nosa propia desinformación, a realidade é que estamos a deixar que esta forma de actuar bote raíces cada vez máis profundas.

Todos debemos ser cautelosos e responsables respecto dos xuízos que creamos e máis cando afectan a certos colectivos; a “pena do banco” fai que esteas condenado pola sociedade se a acusación foi aireada ou terxiversada; a investigación é aproveitada por algúns para desfacer a honra das persoas, ás veces, ata coa filtración dos sumarios, o cal é un delito sancionado no art. 466 do Código penal.

O que supón unha garantía procesual, convértese nunha mancha na túa honra e nunha condena a priori que xunto á lentitude da Xustiza fai que o imputado/investigado e á súa familia vivan unha etapa” insustentable” e irreparable na súa convivencia con terceiros; agora, só nos queda pedir que a mesma celeridade que algúns tiveron en pedir explicacións, responsabilidades e dimisións téñana en rectificar.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com