Arrasado un castro na Mariña para plantar eucaliptos

En decembro de 2015 o Servizo de Patrimonio Cultural da Xunta de Galiza incluía no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos un novo sitio arqueolóxico coa denominación Castelo de Monte da Arca e clave de identificación GA27030036.

Foi por iniciativa de MariñaPatrimonio que este xacemento da idade do ferro, coñecido como o Castro do Monte da Arca de Argomoso, acadou a protección oficial, aínda que xa fora recollido e descrito polo historiador José Villamil Y Castro no seu libro “Los castros y mámoas de Galicia” en 1876. Tiña unha feitura semicircular e estaba defendido por un triple parapeto e foxo, dominando a cidade de Mondoñedo dende a que era perfectamente visíbel cuberto por bosque autóctono.
Hai poucos días todo o sitio arqueolóxico foi arrasado pola maquinaria pesada utilizada nos labores de roza do bosque posterior subsolado profundo para a realización dunha plantación de eucaliptos. Milleiros de anos de historia e patrimonio público derramados a maior gloria do eucalipto, cuxo monocultivo non parece ter límites.

Dende ADEGA e MariñaPatrimonio denuncian estes feitos por canto poden ser constitutivos dun delito contra o patrimonio cultural tipificados no Código Penal nos artigos 321 a 324. “Resulta lamentábel que teñamos que ser as asociacións non gobernamentais as que, perante a pasividade e o desleixo da administración, teñamos que tutelar o noso patrimonio histórico arqueolóxico”.
“O máis grave é que non se trata dun caso illado: son ducias os elementos patrimoniais, dende mámoas a castros ou mesmo restos romanos, danados mesmo de xeito irrecuperábel como é o caso, polos labores asociados ao monocultivo do eucalipto. Paradoxalmente, moitas destas plantacións de eucaliptos son despois certificadas co selo FSC, que garante un aproveitamento forestal sustentábel”, conclúen.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com