O Grupo Municipal Socialista levará ao vindeiro pleno a necesidade de protexer a alameda e os demais espazos verdes do municipio pedindo que o alcalde encargue un estudo fitopatolóxico das árbores que se atopan en terreos de titularidade municipal. En relación aos cuidados medioambientais e á perigosidade que supón para todos os veciños e veciñas, os socialistas presentarán un rogo co obxectivo principal de previr riscos e salvagardar a correcta conservación dos espazos verdes do municipio, especialmente aqueles máis transitados.
Os socialistas amosan a súa preocupación logo da caída dunha das árbores da alameda. A voceira dos socialistas no consistorio, Elba Veleiro, afirma que “estamos a falar dun asunto de grande importancia ao que se lle debera ter posto solución antes do susto da semana pasada, que non ocasionou danos a ninguén pero puxo en perigo a integridade física dos viandantes”.
Os representantes do PSdG fanse eco da preocupación veciñal e queren que se faga especial fincapé no negrillo da Praza da Constitución, “lugar onde xogan frecuentemente os nenos e nenas da vila, e por onde pasean moitas persoas con asiduidade”, afirmou Veleiro.
Circos sen animais
Grupo Municipal Socialista tamén debaterá no pleno a presenza e exhibición de animais salvaxes nos circos, pedindo que o concello de Vilalba se comprometa cos principios éticos, sociais e medioambientais de non lles ocasionar ningún tipo de dano ou sufrimento. Por iso, consideran oportuno que o municipio se declare contrario a estas prácticas, non permitindo a instalación en terreos públicos de circos con animais salvaxes.
A petición da solicitude de modificación da normativa municipal co obxecto de non acoller máis este tipo de instalacións, aclaran desde o Grupo Municipal Socialista, non implica de que non estean a favor destes espectáculos, xa que “nos últimos anos moitos dos espectáculos circenses abandonaron o uso de animais como reclamo e optaron por un traballo máis artístico, afirmando que apoiaríamos totalmente a instalación deste tipo de circos como actividade cultural para nenos/as e maiores”.
Por outra banda, pedirán ao equipo de goberno que se dirixa á Xunta de Galicia para que mude a lexislación de cara á prohibición da tenza de animais en catividade. Elba Veleiro, afirmou que “os animais deben ser respectados, e en ningún caso resultar vítimas de maltrato, esforzos desmedidos, nin ser suxeitos a actos crueis que lles impliquen sufrimento ou lles causen estados de ansiedade ou medo”, resaltou en relación ao estipulado pola Organización Mundial da Sanidade Animal, finalizou Veleiro.