O servizo de limpeza do Concello de Lugo recolleu, dende as 07:00 horas ata ao redor das 10:30 horas, unhas 4 toneladas de residuos nas inmediacións da Carballeira, unha cifra que se mantén con respecto ao pasado ano. O dispositivo especial posto en marcha pola entidade local con motivo da celebración da festa da Carballeira estivo formado por 20 operarios, 5 condutores, 13 peóns e 2 maquinistas, así como por 11 máquinas en total, tanto de baldeo mixto como de baldeo mecánico, camións satélite, recolector, hidrolimpadora, motocarro, furgón porter, furgón de mantemento e varredoras.
A Policía Local despregou un servizo integrado por dúas Unidades Móbiles que permaneceron nas inmediacións da Carballeira durante toda a celebración da festa para atender diversas incidencias.