Os obradoiros públicos para a elaboración das Directrices da Paisaxe chegan mañá a Monforte e Chantada

Os obradoiros participativos para a elaboración das Directrices da Paisaxe que está promovendo a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio chegarán mañá a Monforte e Chantada. Ambos talleres comezarán ás 11,00 horas. En Monforte terá lugar na aula CeMIT do edificio multiusos (Ronda Urbana s/n), e en Chantada será tamén na aula CeMIT (rúa Ribeira Sacra s/n).

Os participantes comprenderán tanto axentes convidados polo seu coñecemento da área paisaxística ou a súa actividade vinculada á xestión da paisaxe, como calquera persoa que desexe asistir e se inscriba na dirección secretaria.iet@xunta.es ou chamando aos teléfonos 981541755/981541756.

Estas actividades forman parte dos 50 talleres públicos que o departamento autonómico organizará en toda Galicia, un por cada unha das 50 comarcas paisaxísticas nas que se divide o noso territorio. Esta distribución pretende garantir unha maior equidade espacial no proceso de participación, facilitando á poboación de todos os ámbitos territoriais o acceso a este proceso dun xeito presencial.

Estes obradoiros compleméntanse coa posta en marcha dunha plataforma web participativa a través da cal calquera persoa, dende calquera lugar e en calquera momento, poderá aportar a súa opinión e o seu coñecemento para o deseño das directrices da paisaxe galega. Esta plataforma está dispoñible na dirección https://sixot.es/Paisaxe.

Nestes talleres, os participantes poderán expresar as súas aspiracións en canto aos obxectivos de calidade paisaxística, asemade traballarán coa plataforma web, na que poderán valorar os principais tipos de paisaxe da súa comarca paisaxística e elixir os tipos de paisaxe preferidos de cara á súa planificación futura. Así mesmo,  a través desta web os usuarios poderán localizar puntos relevantes dende o punto de vista paisaxístico e asignarlles unha valoración, determinar os elementos que os compoñen e propoñer medidas de actuación para os mesmos.

A Consellería de Medio Ambiente xa seguiu un proceso de participación cidadá para a elaboración do Catálogo das Paisaxes de Galicia, que agora se atopa en proceso de exposición pública.  Agora abre ese mesmo procedemento para a elaboración destas directrices, que xunto co Catálogo, conformarán o Atlas das Paisaxes de Galicia.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com