A deputada luguesa do PSdeG-PSOE Margarita Pérez Herraiz, e o senador lucense Ricardo Varela, anunciaron que rexistraron unha proposición no Congreso dos Deputados coa que demandan que se cumpra o acordo lácteo a través dun réxime sancionador. Piden que se defina “un prezo sostible para cada eslavón da cadea de valor, e que se publiquen os prezos ao que se compra o leite”, tanto da industria como da distribución.
Nunha Proposición Non de Lei rexistrada na Cámara Alta, a deputada socialista Pérez Herraiz solicita que “se publique un novo contrato tipo co fin de establecer baremos de calidades iguais para todas as industrias”. A maiores pide “que se cree a figura obrigatoria do Mediador, con fin de que sirva para resolver os posibles desacordos entre e gandeiros e industria”.
Pérez Herraiz denuncia que a día de hoxe un 4.4% dos 9.000 gandeiros galegos, segundo os datos da propia Conselleira de Medio Rural, cobran menos de 20 céntimos polo litro de leite, por debaixo dos custes de produción.
Con este datos critica “que se esta incumprindo a Lei da Cadea Alimentaria que prohibe a venda por debaixo do custe de produción”. O acordo “só parece satisfacer a distribución, que subiu o produto aos consumidores, pero non repercutiu nin na industria nin aos produtores”, insistiu.
Pérez Herraiz subliña que o sector lácteo “é fundamental para a economía de Galicia”, e especialmente “pola súa contribución a sostibilidade medioambiental do medio rural, xa que si diminúe a súa actividade morrería unha grande parte das zonas da nosa provincia”, concluíu.