A Consellería de Infraestruturas e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a licitación de obras de rehabilitación do firme nas estradas LU-652, LU-546 e LU-641 por un importe de 516.813,52 euros. Os traballos, que terán un prazo de execución de seis meses, afectarán a tramos destas vías ao seu paso polos concellos de Bóveda, A Pobra do Brollón, Samos, Lugo e O Corgo.
A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, realizou hoxe unha visita a un tramo da estrada LU-652, no Concello de Bóveda, para realizar unha inspección do estado da vía previo as actuacións de mellora que se levarán a cabo nese punto. Arias, que estivo acompañada polo alcalde do municipio, José Manuel Arias, sinalou que “estas obras teñen o obxectivo de reforzar e reparar o firme das estradas nos tramos en que presentan deterioro co fin de mellorar a seguridade e o confort dos condutores que utilizan diariamente estas vías”.
Na LU-641 realizarase unha rehabilitación e reposición do firme mediante a extensión dunha nova capa de rodadura entre os puntos quilométricos 0 e 2+500, no Concello de Samos. A este tramo de actuación destínase un orzamento aproximado de 208.000 euros que vén complementar as melloras xa levadas a cabo o ano pasado nesta vía.
Na LU-652, realizaranse traballos de fresado e reposición do firme naqueles tramos que presentan deformacións e que se localizan entre o puntos quilométricos 0 e 10+740, que unen os núcleos de Bóveda e Cereixa, afectando aos termos municipais de Bóveda e a Pobra do Brollón.
Así mesmo, levaranse a cabo actuacións de reparación entre os puntos quilométricos 0 e 13+600 na estrada LU-546, que corresponden ao tramo Nadela-A Pobra de San Xiao e afectan á vía ao seu paso polos concellos de Lugo e O Corgo.
Ademais destes traballos, e tal e como indicou a delegada territorial, “a Xunta mellorará a seguridade viaria destas estradas coa disposición dunha nova sinalización horizontal ou vertical, en función das necesidades específicas de cada tramo, e procederá á reapertura de cunetas, perfilado de noiros e limpeza das drenaxes e marxes das vías”.