O Grupo Municipal do Partido Popular de Láncara solicitará no próximo pleno local que o Goberno do municipio realice obras de mellora tanto nun dos camiños de acceso ao núcleo de Saa, na parroquia de Santiago de Cedrón, como na ponte sobre o río Lama en Armea de Arriba.
Os populares rexistraron dúas mocións para o seu debate na próxima sesión plenaria a través das que trasladan as demandas dos veciños afectados polo mal estado destas infraestruturas. Ademais, tamén acompañan as iniciativas plenarias coas súas respectivas memorias valoradas de obra, nas que técnicos avalían a necesidade destas actuacións “perfectamente asumibles pola administración local”, di o voceiro dos populares, Santiago Cubillas.
Acceso a Saa, en Santiago de Cedrón
No que se refire á adecuación e mellora do camiño de acceso a Saa, en Santiago de Cedrón, os populares explican que “nestes momentos a poboación de Saa conta con dous accesos ao núcleo dende a estrada LU-636, que une as localidades de Becerreá e Sarria. Tan só un deles, o situado no centro do pobo, se atópa debidamente acondicionado mediante pavimento asfáltico, sendo este por onde necesariamente ten que concentrarse a totalidade do tráfico de acceso ao núcleo, debido a que o outro acceso situado ao leste da poboación atópase en moi mal estado”.
Actuación da ponte sobre o Río en Armea de Arriba
Os populares tamén piden en pleno a ampliación e renovación da ponte sobre o Río Lama en Armea de Arriba, a cal segundo explica Cubillas presenta un “lamentable estado de abandono. A varanda dun lado está caída e a outra non está ben fixada, ademais de ser moi estreita para o paso de grandes vehículos”.