Asinado un plan para loitar contra a pobreza infantil

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o Conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela; o director corporativo da Área Social da Fundación Bancaria La Caixa, Marc Simón; e o director territorial de CaixaBank en Galicia, Marc Benhamou, presentaron este martes no Salón de Plenos do consistorio un plan conxunto entre as tres entidades co obxectivo de loitar contra a pobreza infantil. Trátase de CaixaProinfancia, un programa de atención á infancia en situación de pobreza e exclusión, dirixido a familias con menores de entre 0 e 18 anos en situación de vulnerabilidade, que beneficiará a 50 familias lucenses e a entre 75 e 80 nenos e nenas da cidade, fundamentalmente das zonas de Lamas de Prado e A Milagrosa.

As tres institucións identificarán e analizarán conxuntamente a distribución territorial das situacións de vulnerabilidade social e de risco de exclusión que afectan a un número considerable de menores e familias do municipio. Situacións que requiren, máis alá da atención a necesidades puntuais, dun plantexamento global de actuación que incida de forma integral na transformación e mellora da realidade da infancia e das familias. Neste senso, definirase unha proposta de servizos conxunta que permita responder ás necesidades dos menores e as súas familias para optimizar os recursos económicos públicos e privados que se dotan para estes efectos.

A rexedora destacou que este plan ten como obxectivo “evitar que a pobreza se herde, romper con esa inercia, protexendo aos máis vulnerables da nosa sociedade para garantir a igualdade de oportunidades”. A pobreza infantil é en España do 35,4%, e en Galicia do 24,4%, o que supón que 95.000 nenos e nenas galegos son vítimas desta situación, “algo que non podemos permitir”, asegurou Lara Méndez, polo que subliñou a importancia do convenio coa Xunta e La Caixa, mostra ademais dos bos froitos “da colaboración público privada e da implicacións de distintas administracións”.

Pola súa banda, o Conselleiro subliñou que destinar “máis recursos que permitan implementar novos programas e accións dirixidas ás persoas que precisan máis apoio é unha obriga de calquera administración responsable e sensible” e, neste senso, destacou a importancia que “teñen convenios coma este para as entidades locais”, pola súa proximidade ao cidadán

O director corporativo da Área Social de La Caixa afirmou que “só a mellora da educación pode romper a peor estadística que temos, que indica que a pobreza se herda, e garantir a igualdade de oportunidades”. Marc Simon explicou que o programa CaixaProinfancia leva consigo axudas económicas (para alimentación, hixiene e material escolar, entre outras), “pero sobre todo reforzo escolar, psicolóxico e de ocio e tiempo libre, con campamentos de verán u colonias urbanas, xunto á formación para adquirir competencias familiares”.

Xa por último o director de Caixabank en Galicia agradeceu a “implicación do Concello e a Xunta co proxecto de La Caixa, “que leva décadas traballando nesta cidade, aínda que dende fai uns anos incrementouse a actividade co fin último de estar máis preto dos cidadáns”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com