O PP censura que a Deputación presente os orzamentos sen atender as súas demandas

O Grupo Provincial do PP censura que o bipartito na Deputación convoque a comisión de orzamentos, como paso previo á súa presentación no Pleno do vindeiro martes, sen ter atendido ás demandas que se lle teñen feito. “Convocan a comisión cando saben que non existe acordo porque non incorporaron as nosas demandas nin os acordos aprobados anteriormente”, explica a voceira dos populares, Elena Candia.

A voceira do Grupo Provincial do PP asegura que o seu partido non avalará unhas contas que non inclúan os compromisos cos concellos da provincia e que non dean resposta ás súas principais demandas e necesidades. “Non imos pasar por iso, polo que lamentamos que estando xa advertidos decidan seguir adiante co paripé que están a montar”, replica Candia.

Os populares sosteñen ademais que na proposta do bipartito non se atopan os fondos comprometidos, como son aqueles destinados ao POS ou á axuda no fogar. Tampouco as residencias aprobadas por SUPLUSA nin as partidas para áreas industriais en diferentes concellos da provincia.

Por iso, Elena Candia “lamenta que o Señor Campos pretenda dar ‘un falso golpe de efecto’ levando unhas contas que non foron negociadas co principal partido da oposición e co único que está a velar porque esta provincia se sume ao motor do crecemento económico e non siga na parálise que vive co goberno do PSOE e o BNG”.

“Que non digan que convocan cando existe un acordo co PP, porque este grupo non vai apoiar ningunha proposta que deixe de lado aos concellos desta provincia e, polo tanto, non existe ningún tipo de acordo. Non será o PP o que discrimine aos nosos concellos, serán eles os únicos responsables”, rematou a voceira.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com