O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto coa Deputada de Economía, Pilar García Porto e o Vicepresidente, avanzaron este mércores a proposta de orzamento para 2016 do Goberno Provincial. Fixéronno logo de que esta mañá se celebrase a comisión informativa, na que llo presentaron ao Partido Popular e ao deputado non adscrito xa coa incorporación de remanentes, sen acadar de novo o seu apoio. Con todo, o executivo lugués levará a súa proposta ao Pleno do vindeiro martes, pois “é un orzamento por e para as persoas de toda a provincia, xeneroso, equilibrado e que recolle aportacións para os 67 Concellos”, destacou Darío Campos.
O orzamento consolidado da Deputación de Lugo para 2016 ascende a 88.307.166 euros. A estes 88,3 millóns de euros engádense outros 8.018.656 euros de remanentes. Isto supón que o Orzamento da Deputación de Lugo para 2016 sexa de 96.325.822 euros, e que os investimentos reais aumenten con respecto ao ano pasado en 16,6 millóns de euros. (8,6 do orzamento consolidado e 8 de remanentes).
Darío Campos explicou que “sempre dixen que non ía acceder a chantaxes e que sempre ía a primar as necesidades dos veciños de todos os Concellos da provincia. É a miña responsabilidade. As liñas xerais do orzamento son as do inicio, ás que presentei no Parlamento galego en novembro”. Deste xeito, froito da débeda cero da Deputación, o Goberno Provincial incrementa todas as partidas para as políticas de actuación en resposta ás prioridades que sinalaron os lucenses durante a elaboración dos primeiros Presupostos Participativos dunha Deputación en España, e que tivo a de Lugo no 2015. Estas son o emprego, infraestruturas e políticas sociais.
Emprego, preto de 20 millóns de euros
6,5 millóns de euros para novos plans de emprego dirixidos aos veciños dos 67 Concellos da provincia.
2 millóns de euros da Unión Europea, que o Goberno Provincial da Deputación foi capaz de captar recentemente para a posta en marcha do primeiro plan de emprego xuvenil participativo na provincia: LUGOWORK, dirixido a lucenses desempregados de entre 18 a 30 anos. (Novos fondos que se incorporan ao Orzamento de 2016)
10,5 millóns de euros correponden ao Plan Ben Empregado, para a contratación de 500 lucenses que estaban no paro.
525.000 euros para a posta en marcha do primeiro Centro de Recría de gando vacún público en España, que xerará 20 empregos.
363.300 euros para a posta en marcha de 6 residencias e centros de día públicos, que xerarán un mínimo de 60 empregos. Son os centros para maiores de Castroverde, A Fonsagrada, Pol, Trabada, Pedrafita do Cebreiro e Ribas de Sil.
Infraestruturas, case 15 millóns de euros
7,6 millóns de euros para os 4.200 quilómetros da rede viaria provincial.
5,7 millóns de euros para o POS. Triplícase a achega da Deputación para obras municipais nos 67 Concellos con respecto ao ano pasado. 13 Deputados aprobaran no Pleno duplicala e non triplicala, recortando en 900.000 euros a achega municipal.
1,5 millóns de euros para traídas de auga e camiños dos 67 Concellos.
Políticas sociais, 11,2 millóns de euros
1,5 millóns de euros para as Axudas ao Fogar.
335.380 euros para o servizo de Teleasistencia. Para os Concellos terá custo cero. Tamén se incrementarán o número de ususarios se a Lei o permite.
200.000 euros para a residencia de Ribadeo, que poderán ascender aos 700.000 se a Xunta non cumpre co seu compromiso, tal e como se comprometeu a facer o Presidente coa Plataforma Veciñal
4,8 millóns para as residencias e centros de día públicos de Navia de Suarna, Guitiriz, Meira e O Saviñao. (orzamento de pasadas anualidades xa comprometido).
1,5 millóns para os centros de maiores de Portomarín, Folgoso do Courel e Becerreá.
1,6 millóns de euros para o primeiro Centro de Innovación Social en Galicia (INLUGO), Escola de Imaxe e Son e Fundación TIC.
350.000 euros para o Plan en Impulso do Campus de Lugo.
312.000 euros para a UNED.
152.500 euros para Rof Codina e Relacións Laborais.
Residencias e centros de día públicos
Ao respecto das residencias e centros de día públicos da Deputación, o Presidente explicou que “primeiros poremos en marcha os centros que temos rematados. Levamos 6 meses esperando polas licencias da Xunta (PIA) para que poidan funcionar as da Fonsagrada e Castroverde. Remataremos as de Pol, Trabada, Pedrafita do Cebreiro e Ribas de Sil. Logo faremos as comprometidas en Navia de Suarna, Guitiriz, Meira e O Saviñao para, seguidamente, construír as de Portomarín, Folgoso do Courel e Becerreá. O obxectivo é telas rematadas todas ao longo do mandato. Agardamos a colaboración da Xunta para a concertación de prazas públicas. Solicitei unha reunión co Conselleiro de Política Social para abordar este asunto, que é unha necesidade para a nosa provincia, pois non se crean prazas públicas en centros de maiores públicos dende os anos 70”.
Apostas persoais do Presidente
Unha das apostas persoais do Presidente é a creación dun Plan Integral de Turismo na provincia, para o que se dedican 500.000 euros do orzamento de 2016. Outra das súas apostas, que xa avanzou no seu discurso de investidura, é a posta en marcha de medidas de colaboración cos Concellos para a xestión de residuos e aforro de custos enerxéticos, pois, “como Alcalde que son, coñezo de primeira man a necesidade de fórmulas de colaboración cos municipios neste senso”. Deste xeito, no presuposto de 2016 hai 1,5 millóns de euros para este fin.
7 millóns de euros para actuacións nos 67 concellos da provincia
Darío Campos subliñou que “é un presuposto equilibrado, con aportacións para todos os Concellos”. O Presidente adiantou que 7 millóns de euros serán para actuacións nos 67 Concellos da provincia. Deste xeito, achéganse:
1,54 millóns de euros comprometidos polo Presidente tras as reunións que mantivo con Alcaldes e Voceiros de 9 Concellos. Cervo: 135.000 euros para pavimentación de vías públicas. O Corgo: 218.150 euros para promoción e fomento do deporte. Carballedo: 99.387 euros para promoción e fomento do deporte. Palas de Rei: 230.000 euros para promoción e fomento do deporte. Xove: 250.000 euros para promoción e fomento do deporte. Riotorto: 100.000 euros para maquinaria municipal e promoción do turismo. As Nogais: 120.000 euros para infraestruturas. Begonte: 45.000 euros para infraestruturas. Foz: 700.000 euros para mellora de estradas municipais.
2,1 millóns de euros para actuacións en 17 Concellos, aprobadas polo anterior Goberno Provincial do Partido Popular. “Sempre dixen que non me gustaron as formas nas que se acordaron estes convenios pero que os ía a respectar se cumprían coa legalidade. Hai Concellos que contrataron as obras e os afectados sempre son os veciños”, apunto Campos Conde. Este orzamento distribúe do seguinte xeito: Taboada, 184.424,31 euros a para rexeneración de camiños; Mondoñedo, 170.800 euros para a rehabilitación da casa de Álvaro Cunqueiro; Baralla, 119.000 euros para instalacións deportivas na área fluvial; Begonte, 161.500 euros para o acondicionamento da rede viaria municipal; Guntín, 142.401,18 euros para accesos a núcleos; O Vicedo, 149.817,62 euros para equipamentos e reforma na Casa do Mar; Vilalba, 243.083,56 euros para a mellora de vías de comunicación; Xove, 128.215,73 euros para melloras de camiños; Palas de rei, 26.010,66 euros para mellora de camiños; Cervantes, 17.598,71 euros para acondicionamento de camiños; Castro de Rei, 71.465,65 euros para o acondicionamento de vías municipais; Bóveda, 92.580,73 euros para adecuacións de camiños; Quiroga, 90.000 euros para o centro de día; Sober, 57.475 euros para a mellora de accesos e albergue municipal; Antas de Ulla, 146.310,50 euros para rehabilitacións viarias; Pantón, 68.821,2 euros para o acondicionamento de estrada Bazal-Pantón, accesos Fervenza de Auga Caída; Triacastela, 142.500 euros para arranxo de camiños.
Máis de 3 millóns de euros para actuacións nos restantes Concellos da provincia, é dicir, nos non beneficiados dos orzamentos comprometidos, anteriormente citados.
Cultura e Deporte
O presuposto para esta área ascende a 13,1 millóns de euros.