Lara Méndez pregoa a XXX Feira do Queixo do Cebreiro, que estreou a distinción de Festa de Interese Turístico

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, deu este venres no recinto feiral de Pedrafita do Cebreiro o pregón da XXX Festa do Queixo do Cebreiro, acompañada polo Presidente da Deputación Dario Campos e o Alcalde do Concello José Luís Raposo. A festa que este ano chega a súa trixésima edición estreou o recoñecemento de Festa de Interese Turístico Galego, “unha distinción máis que merecida que reforzará a proxección de Pedrafita e do seu queixo, e que marcará  un antes e un despois na historia desta celebración, supón un fito fundamental para o desenvolvemento socioeconómico da comarca da Montaña”, tal e como subliñou a rexedora, quen felicitou á institución e produtores acollidos á denominación de orixe, ao concello e a toda a veciñanza por este recoñecemento.

Méndez puxo en valor o enorme potencial turístico que comparten Lugo e Pedrafita, baseado “no patrimonio, na historia, na cultura, na natureza e na gastronomía, e a aposta de ambos municipios por aproveitalo para crear emprego e actividade económica”, ao tempo que louvou a capacidade de “Pedrafita do Cebreiro para reinventarse e impulsar iniciativas que xeren riqueza para o territorio”.

Neste senso, a rexedora fixo fincapé nos séculos de historia e na tradición do Queixo do Cebreiro e destacou as peculiaridades deste produto derivado do “ouro branco”, que está amparado pola Denominación de Orixe Protexida Queixo do Cebreiro dende o 2008. Asemade destacou as oportunidades laborais e de riqueza que xera a elaboración artesanal do queixo e á comercialización do mesmo.

100 expositores

No evento gastronómico en pasadas edicións chegáronse a vender unha media de 2.000 pezas de queixo, cun volume de negocio de 6.000 euros. Nesta edición estaban presentes arredor de 100 expositores.

O recinto estivo ambientado pola música e o baile da Charanga Madialeva e a Asociación Cultural local “Xistra”.

O queixo do Cebreiro está elaborado con leite de vacún e a súa zona de produción abrangue os concellos de Pedrafita, O Courel, Cervantes, Triacastela, As Nogais, Navia de Suarna, Becerreá, Baralla, Baleira, Castroverde, A Fonsagrada, Láncara e Samos.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com