Comezan as obras da Rolda da Muralla

O Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, supervisou estes luns o arranque das obras de reparación das canalizacións e asfaltado da Ronda da Muralla, na que o Concello inviste 208.000 euros. Trátase dunhas actuacións de mellora no tramo comprendido entre a rúa San Roque e a Praza Bispo Odoario, que se realizarán en varias fases para poder garantir a mobilidade, tanto de vehículos como de peóns. Deste xeito, estableceranse tres tramos, o primeiro entre a Rúa San Roque e a metade da Praza Asturias, o segundo entre a outra metade da Praza Asturias e a Avenida da Coruña e un terceiro entre a Avenida da Coruña e a Praza Bispo Odoario.

Tal e como indicou o edil, as obras, que se iniciaron coa súa pertinente sinalización ás 08:00 horas, acométense neste mes para asegurar a mobilidade e a circulación fluída de cara o período estival e de cara a acoller a Volta Ciclista a España. Ao longo das actuacións, que contan cun prazo de execución de dous meses, garantirase ao menos un carril de circulación libre para vehículos na Ronda da Muralla, se ben poderanse realizar cortes puntuais por un período de tempo reducido.

Núñez cualificou estas obras como unhas actuacións importantes para Lugo á vez que complexas, pois as actuais placas de formigón están gretadas, o que provoca afundimentos. Neste senso, o Concelleiro avanzou que se disporá dunha nova capa de formigón, que deberá fraguar durante tres días, para o seu posterior asfaltado, que deberá ser continuo nos tres tramos. Asemade agradeceu a colaboración dos veciños e veciñas e recomendou usar vías alternativas. “Con estas obras melloraremos a principal arteria de comunicación da cidade, a Ronda da Muralla, o que redundará nun incremento da seguridade e na mellora da propia imaxe de Lugo”.

As obras estarán sinalizadas en todo momento con carteis informativos, que ofrecerán aos condutores vías alternativas en 7 puntos diferentes da cidade.

En canto á medidas en materia de seguridade vial e sinalización circunstancial, as obras de reparación quedarán sempre delimitadas mediante un valo, habilitando pasos a garaxes, podéndose retirar todo aquel mobiliario urbano que afecte á execución da obra. A zona de acopio de material e casetas de obras estarán instaladas na zona de carga e descarga situada na Praza de San Fernando. Ademais, mentres teñan lugar as obras, Urbaser subirá os colectores ás beirarrúas, garantindo un paso mínimo dun metro de ancho. De non ser así, reubicaranse.

Terá prioridade o paso ao tráfico de vehículos pola Ronda da Muralla nos diferentes cruces semafóricos, suprimiranse as zonas de estacionamento no tramo da obras e disporase de operarios sinalistas para regular e garantir a seguridade do tráfico rodado e dos peóns en todo momento.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com