A Asociación de comerciantes e hostaleiros do centro histórico, Lugo Monumental, encabezada por David Fernández, presentou hoxe o novo plan de acción 2016-2017. No acto de presentación participou a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, quen recoñeceu o labor da executiva saínte e trasladoulles os seus parabéns á nova directiva. Asemade agradeceu o traballo de Lugo Monumental na dinamización económica da cidade, “nun sector tan importante para Lugo como é o sector servizos, que supón o 80% do tecido empresarial da cidade”. Neste senso, tamén fixo fincapé no labor do colectivo no eido turístico, polo desenvolvemento de actividades que difunden o patrimonio lugués.
Lara Méndez aproveitou para avanzarlles a creación do Consello Municipal de Turismo, que se aprobou hoxe na Xunta de Goberno, no que terá cabida todo o movemento asociativo da cidade. Para finalizar, a Alcaldesa desexoulle o mellor dos éxitos a esta asociación, “porque a cidade facémola entre todos”, e mostroulle o apoio do Concello para traballar en prol da cidade.