A actriz lucense Melania Cruz admite sentirse “ilusionada e moi agradecida” logo de recibir esta semana o premio María Casares de teatro como mellor actriz protagonista. Un galardón que recibiu xunto con Mela Casal pola obra “Xardín suspenso”, do dramaturgo portugués Abel Neves e dirixida por Candido Pazó.
En declaracións a LugoSiRadio, a actriz apuntaba que os premios “son un xeito de ver como o teu traballo chega aos demais”, aínda que, salienta, cómpre “seguir traballando noutros proxectos”.
Na obra dirixida por Candido Pazó, Melania Cruz interpreta a Lucía, unha muller cuxa vida dá un xiro inesperado. “É un personaxe que me chegou nun momento personal un pouco delicado e iso nótase na obra”, revela.
A actriz luguesa comezou a súa andaina como actriz no ano 2004 e conta cunha importante carreira, tanto no mundo da escena como do audiovisual.
No mundo das táboas ten participado en montaxes como ¡Ay Carmela!, “El Hombre Almohada” ou Inventarios entre outras.
Asemade no sector audiovisual está a participar en series de televisión como Serramoura ou Urxencia Cero e foi a actriz encargada de dar vida a “Raxada” no filme de Ignacio Villar “A Esmorga”, do que foron protagonistas Antonio Durán(Morris), Miguel de Lira e Karra Elejalde.