Lugonovo denuncia deficiencias de limpeza e hixiene nas instalacións do mercado

O grupo municipal de Lugonovo trasladou á Concellería correspondente a súa preocupación pola “deixadez que se observa en materia de hixiene nas instalacións do mercado”. O portavoz do grupo municipal, Santiago Fernández Rocha, puido constatar “este estado de abandono na limpeza que sufre a zona na que se sitúan os postos, estado no que por sorte se empezou a traballar no día de hoxe, comezando polos cristais do edificio. Porén, as mesas utilizadas para a exposición dos produtos de alimentación ao público presentan unha evidente falta de hixiene que incluso podería supoñer un risco sanitario”.

Fernández Rocha declarou que demais “destes problemas na xestión da limpeza, tamén existe unha dificultade engadida, derivada da existencia de reixas fixas no sistema de sumidoiros, á hora de limpar os condutos de evacuación de augas. A solución pola que optou a empresa foi a de cortar as devanditas reixas por certas partes para poder asegurar unha boa limpeza”, aínda que Lugonovo considera que “esta medida non é máis que un paliativo, xa que os sumidoiros requiren unha limpeza de calidade, que só se garante coa colocación de reixas desmontables. Búscase que o Mercado estea nas mellores condicións para dar unha boa imaxe da cidade e asegurar uns niveis sanitarios de calidade”.

Por outra banda, Lugonovo demandou tamén unha “mellora da sinalización de puntos tan importantes coma a Oficina de Turismo, o Centro de Interpretación da Muralla ou o Albergue Xuvenil”. Segundo Lugonovo, “tanto na meirande parte do Camiño Primitivo coma na propia Praza Maior hai unha ausencia total de calquera tipo de indicador que oriente á xente que nos visita. Ademais, ao comezo do Carril das Flores, bótase en falta un plano da ruta xacobea ao seu paso pola Cidade, que permita aos e ás visitantes o coñecemento do noso Patrimonio. Unha indicación deste tipo é fundamental para a potenciación da nosa cidade e do Camiño en xeral”, concluíu.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com