O alcalde de Becerreá e deputado provincial, Manuel Martínez, solicita “a anulación total” do expediente aberto contra el por parte da dirección do Partido Socialista.
Hoxe a executiva federal do partido admitía parcialmente o recurso presentado en decembro por Martínez e deixaba sen efecto parte de ese expediente. En concreto, Ferraz acordou anular a expulsión provisional do partido rexedor de Becerreá. Con todo, a dirección socialista segue tramitando o expediente disciplinario contra el e mantén a suspensión cautelar de militancia de Martínez por romper a disciplina de voto dos socialistas no ente provincial e por non asistir ás reunións do grupo.
En declaracións a Lugo SiRadio, o alcalde de Becerreá sinalaba que non se conforma coa admisión parcial do seu recurso. Pide que se anule por completo ese expediente e denuncia estar a ser vítima dunha “cacería persoal”.
“Todo isto lévame a pedir a anulación dunha vez por todas do expediente. Que se deixen de marear a perdiz. Que apliquen o que din os estatutos e decidan a miña volta ao grupo provincial e cancelen a suspensión de militancia do partido. Creo que todo o proceso foi un proceso irregular promovido por persoas que tiñan outro tipo de intereses que non eran a defensa dos intereses do partido nin da legalidade. Unha cacería persoal contra min”, sentenzaba Martínez.
RECURSO CONTRA OS ORZAMENTOS
Martínez tamén se refería ás medidas legais que anunciou logo de que o presidente da Deputación, Darío Campos non admitise as emendas da oposición na aprobación dos orzamentos do ente provincial.
O deputado provincial avanza que será a semana que vén cando presente o recurso pola vía administrativa e lembra que se non se ten en conta pensa recorrer tamén pola vía penal.
“Espero que lles dea tempo a que esta actuación irregular se volva revisar por parte do Goberno. Se non se fai así vou recorrer pola vía penal”, advertía.