Lugo acolle por primeira vez o 52 Congreso de Relación Laborais

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou este xoves na inauguración do LII Congreso da Asociación Interuniversitaria de Estudantes de Relacións Laborais, Recursos Humanos e Graduados Sociais (Aerelabo), que acolle Lugo por primeira vez, na Escola Universitaria de Relacións Laborais. No acto participaron o vicerreitor de coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno; a  directora da Escola de Relacións Laborais, Mercedes Montes Rodríguez; o deputado provincial de Innovación e TIC,s, Participación Cidadá e Transparencia, Pablo Rivera; o presidente de Aerelabo, Guillermo Jáñez Cuervo, e o presidente do comité organizador do congreso, Fernando González López.

A rexedora agradeceu a Aerelabo que decidise organizar na cidade este congreso de ámbito nacional e invitou ao colectivo a que “non sexa a última”. Lara Méndez puxo en  valor a función que desempeñan os profesionais de relacións laborais, “moito máis importante do que pensamos”, “tanto a nivel persoal, dos traballadores, no seu día a día, porque é no traballo onde pasamos máis tempo e resulta importante que haxa un bo ambiente, e tamén para mellorar a competitividade das empresas a través da adecuada xestión dos recursos humanos, elixindo o perfil axeitado para cada posto”.

O congreso, que cita en Lugo a medio cento de estudantes e titulados de 15 facultades de toda España, arrancou de feito cunha reivindicación do importante cometido profesional que desenvolven na actualidade os titulados universitarios en Relacións Laborais, Graduado Social e Recursos Humanos, “profesións imprescindibles” na sociedade actual.

A importancia da xestión dos recursos humanos e da conseguinte elección dos mellores perfís para o desenvolvemento de cada tarefa profesional, así como a creación e fomento de climas laborais agradables e propicios para a convivencia foron dous dos argumentos esgrimidos na apertura deste congreso, un acto no que Javier Bueno salientou o “dinamismo” que está a amosar a Escola de Relacións Laborais do campus de Lugo na súa procura de captar máis estudantado.

As conferencias

As sesións programadas no marco deste simposio de carácter itinerante polas distintas universidades españolas comezaron cunha ponencia sobre a xestión da empresa en Estados Unidos e Xapón e a súa influencia na xestión dos recursos humanos, unha temática sobre a que falaron Ted Marhsall e Francisco Maseda Muiño. A remate desta sesión, Gabriel Táuriz, consultor de recursos humanos do grupo Arestora, ofreceu unha charla co título ‘A avaliación do desempeño e a satisfacción persoal’.

A quenda de relatorios da primeira xornada deste congreso continuará en quenda de tarde coas intervencións de Silvana Longueira, coordinadora do Plan de Desenvolvemento Sostible da USC, quen falou da responsabilidade social universitaria, e de Mar Castro, consultora e formada da Universidade de Vigo, quen tratou o tema da comunicación offline-online.

O programa do congreso continuará mañá e o sábado no salón de actos do Complexo Docente do campus de Lugo, onde se desenvolverán diversos relatorios e demais actividades programadas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com