Senra reivindica a actividade agraria para potenciar as zonas de montaña

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe) presentou en Santiago de Compostela a xornada aberta “As figuras de protección medioambiental da Unión Europea en zonas de montaña”(1), que terá lugar o vindeiro sábado 16 de abril na Casa da Cultura da Pobra de Trives (Ourense).

A xornada que se celebrará o vindeiro sábado 16 non é a primeira que se organiza sobre esta temática. Baixo o título ” As áreas de alta montaña na Unión Europea: Unha perspectiva dende a esquerda”, xa se celebrou en febreiro de 2015 en Becerreá onde se puxo sobre a mesa  a necesidade de impulsar unha Lei Galega de Alta Montaña e normativas dentro da Unión Europea acompañadas de partidas orzamentarias.

Durante a rolda de prensa de presentación, Lídia Senra destacou a importancia de “seguir no camiño de contribuír á loita para garantir a supervivencia das zonas de montaña”. “Sen labregas e labregos vivindo nela, non é posible manter a montaña”, defendeu. Baixo esta perspectiva, participarán neste debate persoas expertas en figuras de protección medioambiental, labregas e labregos galegos titulares de experiencias de produción en zonas de alta montaña, así como representantes de diferentes Parques Naturais do Estado español e de Portugal. O obxectivo é poñer en valor as figuras de protección, analizalas e debater sobre elas como unha vía máis para contribuír a manter a montaña viva.

Senra explicou tamén que nos últimos meses vense debatendo no Parlamento Europeo temas que afectan ás zonas de montaña, e que na propia Comisión de Agricultura está enriba da  mesa a necesidade de que na UE se poña en marcha unha política de apoio efectivo ás áreas de montaña. “É prioritario apoiar a actividade agraria na montaña, apoiar que a transformación dos produtos da montaña se faga na propia montaña e traballar activamente para colocar eses produtos da montaña no mercado local e de proximidade”.

A eurodeputada galega afirmou que a xornada do día 16 na Pobra de Trives será “intensa” e fixo fincapé na necesidade de que as figuras de protección medioambiental nas zonas de montaña non supoñan dificultades para o desenvolvemento de actividades, senón que sexan fonte de oportunidades. “Estas figuras teñen que ser compatibles co mantemento de actividades na montaña e por iso adicaremos as xornadas a coñecelas en profundidade, a ver o que significan e como poden servir para apoiar as explotacións agrarias e o desenvolvemento das áreas de montaña”, insistiu.

“Tomemos como exemplo experiencias doutros lugares. Na montaña francesa, por exemplo, hai persoas que teñen explotacións de vacas de leite a 2.000 metros de altura, alí fan queixo, e comercialízano e véndeno xa alí porque hai un gran mercado ao ser zonas moi turísticas. Esa pode ser unha vía”, explicou Lídia Senra. “Queremos desenvolver todo o potencial que hai na montaña, dentro das figuras de protección medioambiental. Ten que haber vontade política e que se traduza en medidas”, concluíu.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com