Un grupo dunhas 145 persoas, conformado por familias asociadas a Anpa do Ceip Luís Pimentel Triscos, realiza este domingo 10 de Abril unha excursión en tren a Monforte de Lemos, onde visitarán o Museo do Ferrocarril, O Pazo de Tor e a Torre de Homenaxe da fortaleza da cidade do Cabe.
Asemade e aproveitando a próxima celebración das Letras Galegas, que este ano homenaxea ao poeta chairego Manuel María, renderán unha homenaxe a este autor da Terra Chá, na praciña onde está situada unha estatua do bardo. Alí as nenas e nenos que participen neste acto lúdico lerán poemas de libros do egrexio escritor de Outeiro de Rei, monfortino de adopción por ter pasado nesta cidade boa parte da súa vida e desenvolvido o seu traballo como procurador dos tribunais. Tamén realizarán unha ofrenda floral.