O Grupo Municipal Socialista denuncia que o goberno local do Partido Popular non dá acceso á documentación solicitada sobre o Festival Independente de Vilalba (FIV) do 2015, nin tampouco aquela documentación requirida do leira-párking instalado fronte ao centro de saúde. Asemade critican “os constantes incumprimentos no relativo á obriga do equipo de goberno de aportar a información solicitada pola oposición, e sinalan como responsable ao concelleiro de cultura, José Antonio Pita, por ter ocultado en dúas ocasións documentación sobre o festival”.
O PSOE vilalbés facía público hai máis dun mes que se lles ocultara certa información do FIV 2015 no relativo a un requirimento notificado pola Xunta de Galicia sobre a subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), que supoñía un montante total de 7.654,47 euros. Ante o descoñecemento do grupo socialista sobre as consecuencias desta situación “pedimos días despois a documentación que se nos tratara de ocultar, pois non sabíamos se finalmente se subsanara o erro cometido polo responsable de cultura no consistorio e se perderamos a subvención”, comentou a voceira dos socialistas, Elba Veleiro. Tras esta segunda petición e transcorridas catro semanas, “non obtivemos sen nigunha resposta”, censurou, engadindo que “non é baladí que a aportación do concello ascenda a case 41.700 euros que pagamos entre todos e todas”.
Ocorre o mesmo no caso da documentación solicitada polos socialistas no que atinxe ao aparcadoiro instalado no solar fronte ao centro de saúde de Vilalba. “Entregamos no concello unha solicitude o pasado 28 de marzo, na que pediamos a copia do contrato ou autorización polo que a propietaria do terreo alugaba ao concello de Vilalba dúas parcelas para o seu acondicionamento como aparcadoiro público”, sinala Veleiro, asegurando que tampouco recibiron resposta algunha. Ante este silencio que o PSOE toma como unha intención clara de ocultar información, “pedimos explicacións e responsabilidades tanto ao alcalde, Gerardo Criado, polos reiterados incumprimentos na súa xestión, como ao presidente do PP en Vilalba, Agustín Baamonde, por desentenderse e permanecer impasible ante os malos hábitos do partido que preside”, conclúen.