O Presidente da Deputación Darío Campos Conde, participou este domingo no acto de inauguración da X Feira dos Ferreiros de Riotorto, xunto co Alcalde de Riotorto, Clemente Iglesias González, o Presidente da Asociación de Ferreiros de Riotorto, José María Cabo Jardón. O encargado de dar o pregón este ano foi o produtor galego, José María Besteiro, nado neste concello.
Campos emprazou tanto a Asociación de Ferreiros como ao Concello, “a seguir traballando e promovendo este oficio, porque si queremos que o rural sobreviva hai conservar oficios como o dos ferreiros de Riotorto”.
O Presidente sinalou “é importante chegar aquí, a esta décima edición, manterse e mirar cara o futuro e propiciar que a xente nova se poida dedicar a este oficio como medio de vida”. Por iso emprazou a traballar dende todas as administracións “para animar aos ferreiros a que sigan golpeando a bigornia e o mazo para facer fouciños, coitelos e todos os utensilios de labranza. Porque é importante revivir os tempos dos nosos maiores para aprender, e loitar así por un futuro mellor”.
A Deputación de Lugo é a máxima patrocinadora deste evento, pois achega 20.000 euros dos 35.000 que ten de orzamento a feira.
Os ferreiros de Riotorto
A Feira da Artesanía do Ferro xurde no ano 2007 como unha iniciativa da Asociación para a Promoción Social dos Ferreiros de Riotorto. O obxectivo desta asociación é darlle pulo e recoñecemento ao oficio do ferro en Riotorto, xa que este Concello conta cunha longa tradición de familias de ferreiros, moas e mazos situados, principalmente, nas parroquias de Riotorto e Ferreiravella. No concello de Riotorto consérvanse dous mazos: o de Bastián en Espasande de Baixo e o da Fraga en Ferreiravella.