A Deputación de Lugo acusa á Xunta de negarse a conceder máis prazas públicas en residencia. O Presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde mantivo este venres en Santiago unha xuntanza co Conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, para acadar a colaboración da Xunta na rede pública de residencias e centros de día da Deputación a través da concesión de prazas públicas.
Segundo Campos, o único ofrecemento que fixo hoxe o Conselleiro de Política Social foi emprazar á Deputación a concorrer a un concurso de prazas, cando haxa, pois a día de hoxe non ten data, ao igual que os centros privados.
Dende o ente provincial denuncian que a Xunta “equipara a iniciativa pública da Deputación de Lugo, financiada con cartos públicos de todos os lucenses, aos investimentos de entes privados”.
“Para que a Deputación de Lugo poida concorrer a este concurso, a Xunta di agora que o que ten que facer a través de Suplusa, cando foi a propia Xunta a que fai 5 anos lle denegou a inscrición de Suplusa como entidade prestadora deste tipo de servizo. Isto supuxo que se tivese que inscribir a propia Deputación. A Xunta de Feijóo volve a cambiar de criterio e interpón novas trabas á Deputación, incluso para competir con empresas privadas”, denuncian dende a institución.