No transcurso da clausura do 28º Congreso da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría, o presidente da Deputación Darío Campos Conde, reclamoulle este sábado e publicamente ao Conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela que, “asinemos un convenio de colaboración, como facemos practicamente todos os días entre administracións públicas, para ofrecer prazas públicas da Xunta de Galicia nos centros de maiores públicos da Deputación de Lugo”. Campos Conde pediulle a Rey Varela que “non trates á Deputación de Lugo como unha entidade privada máis, obrigándonos a concorrer a un concurso público de prazas residencias e a competir con empresas privadas, tal como nos propuxeches onte”.
Campos Conde subliñou que “trátase dunha clara aposta polo público, pois entendo que entre administracións públicas debemos priorizar o público fronte ao privado. Debémosllo aos cidadáns, pois, ao fin llo cabo, todas as administracións públicas xestionamos cartos públicos de todos os cidadáns para garantir, como é o noso deber, que todos teñamos acceso a servizos públicos de calidade. Por todo elo, Conselleiro, como Presidente da Deputación de Lugo, representante e defensor dos intereses de todos os lucenses, hoxe a miña obriga é volver a pedirche colaboración para financiar con cartos públicos da Xunta de Galicia prazas públicas nas residencias e centros de día públicos da Deputación de Lugo en 13 Concellos desta provincia”.
O Conselleiro responderalle onte a esta mesma petición, segundo Campos “que a Deputación de Lugo concorrese xunto a empresas privadas a un concurso público de prazas”. Ao que o Presidente da Deputación respondeu “que non se podía equiparar a administración pública aos entes privados”. “Creo que hai espazo para todos”, concluíu o Presidente.