A voceira do Grupo Provincial do Partido Popular, Elena Candia, considera “moi necesario” que a Deputación de Lugo acometa os labores de roza nas estradas da súa titularidade antes dos meses de verán. Así, os populares remitiron un rogo ao presidente da institución, o socialista Darío Campos, para que axilice os trámites e estes acometidos se realicen antes da época estival.
Candia explica que dende o Grupo do PP se procedeu ao rexistro deste escrito, “dado os antecedentes que imperan na administración provincial cos gobernos socialistas e nacionalistas”. En pasadas anualidades, segundo a popular, “comprobamos que se procedía á realización destes labores de xeito moi tardío, mesmo nalgúns concellos se acometeron estas actuacións no outono”.
A Presidenta do PP lugués, asegura que “esta circunstancia pode chegar a derivar en consecuencias moi negativas dado a maior facilidade que ofrece a maleza á hora da propagación dos incendios forestais, ademais de que a falta de limpeza dos bordes das estradas tamén entrañan un considerable perigo para a circulación”.
Dende o punto de vista turístico, Candia lamentou “a mala imaxe que proxectamos ante os visitantes”.