A cidade de Lugo acollerá o mércores, 24 de agosto, unha etapa da Volta Ciclista a España, que discorrerá ao longo de 170 quilómetros entre Viveiro e Lugo, acollendo o municipio lucense os últimos 16 quilómetros. Así o avanzou a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Presidente da Deputación, Darío Campos, e o Director Xeral da Volta Ciclista a España, Javier Guillén, que presentaron o recorrido que conforma o final da 5ª etapa da 71ª Volta Ciclista.
A rexedora, que sinalou que levan meses traballando de xeito coordinado entre o Concello e a organización da Volta para que o paso do movemento serpenteante multicor por Lugo sexa un éxito, anunciou o percorrido polo que pasará o pelotón ciclista, que entrará na cidade pola Ronda Norte ata a praza Ramón Falcón para continuar pola rotonda da Medusa e incorporarase á N-VI ata Tolda de Castela, onde tomarán a estrada do Rato e sairán por San Eufrasio para subir pola rúa Castelao ata a Ronda, en sentido inverso á circulación. Pasarán pola Praza da Constitución, as rúas Anxo López Pérez e Vilalba, e de novo pola Ronda.
O arco da meta estará situado en San Fernando, é dicir, na confluencia da Ronda da Muralla coa Avenida da Coruña, “desta forma todos poderemos contemplar a Volta dende un escenario vip, o adarve da Muralla”, subliñou Lara Méndez, quen lembrou que dende o principio, tras conseguir que a Volta pasara por Lugo despois de 10 anos, “tivemos claro que debía terminar na Ronda, aínda que é verdade que nos supón un maior esforzo e traballo pola reorganización do tráfico ao tratarse dunha das principais arterias de comunicación da cidade, pero non o dubidamos”.
Volta Junior
Lara Méndez aproveitou para anunciar que nesta mesma xornada, previamente á chegada dos ciclistas, celebrarase tamén a Volta Junior, unha actividade que impulsan os organizadores da propia Volta co Consello Xeral de Deportes e a Asociación de Ciclistas Profesionais. Nesta proba participarán 200 nenos e nenas de 4 colexios lucenses de entre 9 e 12 anos de idade, que recorrerán o último quilómetro da etapa, entra a rúa Vilalba e a confluencia da Ronda coa Avenida da Coruña, “para que os máis pequenos vivan en primeira liña o emocionante ambiente da Volta e para infundir neles a práctica deportiva e a afección ao ciclismo”.
Paralelamente, desenvolveranse previamente actividades de difusión da bicicleta nos colexios participantes, que son os de Casás, Paradai, Rosalía de Castro e Albeiros.