O Concello de Lugo colocou o cartel anunciador oficial das festas do Arde Lvcvs 2016 na traseira integral dun autobús da compañía Alsa, que percorrerá a Meseta Norte, pasando polas comunidades de Madrid, Cantabria, País Vasco e Galicia, entre outras; un recurso que tamén está empregando o Concello para difundir a campaña promocional Ven, é Lugo, estreada o pasado mes de xaneiro, á que tamén se fai referencia nesta inserción. Esta acción de publicidade enmárcase no convenio de colaboración asinado entre Concello e Grupo Alsa no pasado ao longo da última edición da Feira Internacional de Turismo (FITUR).
A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, explicou que con esta inserción publicitaria “activa e dinámica refórzase o coñecemento do Arde Lvcvs no territorio nacional, que mes tras mes aporta ao redor do 90% dos turistas totais”. Neste senso, a edil manifestou que o obxectivo que persegue o Concello con esta campaña é reverter na asistencia de persoas tanto a esta festa de recreación histórica, que no pasado ano 2015 concentrou na cidade en tres días a unhas 600.000 persoas, así como na actividade turística da cidade.
Basadre asegurou que “a mobilidade do anuncio permitirá a presenza constante do Arde Lvcvs e de Lugo nas estradas, facilitando a súa visibilidade”.