O Concello de Mondoñedo, a través da Concellería de Cultura, porá en marcha un programa de voluntariado cultural para fomentar a participación da cidadanía no desenvolvemento de actividades culturais na localidade. A través do voluntariado o proxecto busca conseguir un acceso directo, solidario e eficaz, ao inxente patrimonio cultural material e inmaterial da cidade e colaborar con aqueles sectores que se atopen necesitados ou que constitúen un punto de partida no acceso á cultura.
Dun xeito máis concreto, a alcaldesa da localidade, a popular Elena Candia, explica que “o programa ten por obxecto fomentar o voluntariado cultural, regulando basicamente o seu funcionamento e establecendo as canles de participación dos cidadáns que, de forma solidaria e altruísta, queiran colaborar na prestación de actividades culturais na cidade de Mondoñedo. Así, a través deste programa quedarán regulados os dereitos e obrigas dos voluntarios culturais e a súa relación co Concello de Mondoñedo”.
A rexedora indica que Mondoñedo conta cun “gran patrimonio material e inmaterial dentro do seu territorio, tanto arquitectónico como natural e cultural que debe ser potenciado, protexido e amosado con respecto. Constitúe un recurso único para Mondoñedo que debe darse a coñecer a toda a xente que poda estar interesada nel pero partindo dunha xestión sostible que permita a conservación do mesmo. Así, queremos levar a cabo este desenvolvemento a través do Voluntariado Cultural”, asegura.
Bases do programa
A Concellería de Cultura anunciará en medios de difusión pública os prazos de inscrición nas actividades de voluntariado cultural, a forma en que han de ser formalizadas ditas inscricións e os programas específicos aos que se pode optar.
Así, “poderán adquirir a condición de voluntario cultural todas as persoas físicas que libremente se comprometan a realizar unha actividade de voluntariado para o que deben formalizar por escrito un compromiso de incorporación e colaboración co Concello que regula entre outros contidos, a aceptación do carácter altruísta das relacións, a especificación dos dereitos e deberes de ambas as partes, a identificación da persoa responsable do programa no que a persoa voluntaria desempeñará a súa actividade, a formación necesaria para o desenvolvemento de programas específicos, así como as causas que motivarían a exclusión”.
As persoas menores de idade poderán participar en programas e proxectos de voluntariado especificamente adaptados ás súas características, mediante autorización expresa dos seus pais.
A persoa que decida sumarse recibirá a correspondente acreditación da súa condición de voluntaria, que conterá como mínimo os datos persoais e identificativos e da entidade e máis a data e a duración ou denominación do programa ou programas no que desenvolva a actividade voluntaria.
Programas específicos a desenvolver
As actividades nas que poderán colaborar os voluntarios culturais suxeitos a este programa, sen recibir contraprestación nin mediar obriga ou deber xurídico son, entre outras:
– Fomento da lectura, lectores-acompañantes que mediante lecturas a domicilio para maiores conseguirán mellorar a súa calidade de vida
– Apertura e vixilancia daquelas dependencias onde se instalen puntos de lectura ou se realicen exposicións
– Labores de intercambio de libros, discos e películas entre persoas do concello e a Biblioteca
– Colaboración na montaxe, coordinación e desenvolvemento de actos culturais
– Servizo de tradutores que acompañen aos guías turísticos cando nos visiten grupos de estranxeiros: ingleses, franceses etc.
– Guías que acompañen aos visitantes que desexen ver algún monumento ou ruta que estea fora das rutas oficiais
– Guías situados nun determinado monumento para que o expliquen con detalle ao visitante
– Reforzo nos programas de inserción
– Programas formativos de oficios tradicionais
A Concellería de Cultura poderá definir novos proxectos ou realizar as modificacións que estime oportunas nos xa referidos.