O grupo municipal ACE-EU denuncia o “evidente estado de deterioro” no que se atopa a Praza Maior. Para esta formación, o estado de conservación deste espazo “é a radiografía perfecta da falta de xestión e axilidade do executivo local”.
Segundo o voceiro de ACE, Carlos Portomeñe, “o goberno do PSOE só actúa con rapidez nos puntuais casos que lle interesa, como na reparación da biga (carro romano), pois parece que o único importante é o que ten que ver co Arde Lucus”.
Carlos Portomeñe denuncia tamén que o executivo local “elude intervir noutros asuntos como o lamentable estado do templete, que é tanto ou máis importante a nivel cultural e tamén require da intervención urxente dun ferreiro”.
Portomeñe solicita ademais a reposición da placa co poema de Luís Pimentel, “que leva dous anos desaparecida do tronco no que estaba incrustada”, ou actuar contra os roubos continuados de flores e o trato incívico das zonas axardinadas, “que son utilizadas coma se se tratasen de áreas de xogo”.