ACE-EU proporá ao Pleno medidas anti-desafiuzamentos e o dereito de toda a veciñanza á vivenda

O grupo municipal Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida defenderá no Pleno do vindeiro xoves 26 unha proposición de medidas anti-desafiuzamentos e para contribuir a facer efectivo o dereito de todos e todas as lucenses a unha vivenda digna. Para ACE-EU, é necesario que “os gobernos locais tomen a iniciativa, ante a inacción neglixente do goberno central, que está a permitir que se executen desafiuzamentos aínda que vaian en contra da normativa europea. O drama provocado polos desafiuzamentos masivos vese agravado  por un mercado de alugueres caro, con carácter fortemente especulativo e pola falta dun parque público de vivenda social”, explica Carlos Portomeñe. “Ademais, como denuncia o informe Emerxencia Habitacional no estado español, elaborado polo Observatorio DESC e a Plataforma de Afectados pola Hipoteca, España é o país de Europa con máis vivenda baleira, con 3 millóns e medio de pisos baleiros segundo o censo estatal de vivenda de 2011”.

Por iso este grupo municipal “propón na súa moción a elaboración dun censo municipal de vivendas baleiras, para iniciar a creación dun Parque Público de Vivendas de Aluguer Social que o Concello poida utilizar tamén para alugueres sociais temporais e realoxamento de emerxencia, atendendo a criterios de necesidades sociais e económicas”. Ademais, ACE-EU pedirá que se recargue o IBI ata o máximo que permite a legalidade sobre as vivendas baleiras propiedade de bancos e empresas e a creación dunha Coordinadora Municipal de Vivenda que aglutine tódolos temas relacionados co dereito á vivenda, para garantir un enfoque completo e coordinado. “Este órgano debe contar coa figura dun mediador entre os afectados pola hipoteca e as entidades bancarias e financieiras con apoio do Concello, así como cunha oficina anti-desafiuzamentos”, puntualiza o concelleiro Carlos Portomeñe.

Co obxectivo de que o municipio de Lugo sexa declarado libre de desafiuzamentos, ACE-EU solicita na súa proposición “o compromiso do Concello de non contratar con bancos e entidades financeiras que desafiúcen”, rematou.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com