A Federación provincial de Apas de centros públicos de Lugo agradece que as familias secundasen o boicot ás reválidas que ao longo deste mes tiveron lugar nos cursos de terceiro e sexto de primaria. Un boicot que segundo a Plataforma en Defensa do Ensino público acadou o 80%, mentres que a Xunta rebaixa estas cifras ao entorno do 40%.
Fapacel asegura que “as familias exerceron o seu dereito de protestar ante unhas probas que considera innecesarias, porque a avaliación realízaa o profesorado no seu traballo diario na aula”.
Para a Federación de Apas “temos demasiado fracaso e abandono escolar na secundaria, e iso non se resolve con exames nin clasificando ao alumnado e os centros, senón baixando o número de alumnado/aula para mellorar a atención educativa; con medidas de apoio, atendendo ás solicitudes de recursos humanos de profesorado especialista que se fan desde os servizos de orientación”.