Parlamentarios e parlamentarias de En Marea celebraron esta tarde en Lugo un acto aberto á cidadanía para render contas do traballo realizado no Congreso e no Senado durante os últimos catro meses. Entre as propostas trasladadas ás Cortes de interese para Lugo destacan a solicitude de paralización das obras do dique no río Miño, a mellora das estradas da provincia, a recuperación de servizos ferroviarios coma o que conecta Lugo con Bilbao e o mantemento dos postos de traballo en Alcoa, entre outras.
No encontro, que tivo lugar no local de Lugonovo, interviñeron, entre outros, Miguel Anxo Fernán Vello, que repite como cabeza de lista pola provincia para as eleccións xerais do 26 de xuño. Presentou o acto Xabier Villares, responsable de Comunicación de Lugonovo.
Anteriormente os representantes de En Marea mantiveron xuntanzas de traballo con representantes de Lugonovo e Alternativa Cidadá de Esquerdas, para saber da súa experiencia no eido do municipalismo político, establecer vías de cooperación e compilar propostas para incorporar ao novo programa electoral e trasladar ás Cortes na vindeira lexislatura.