O Concello amplía en 130 prazas gratuítas o aparcamento do Hula

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto aos Concelleiros de Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, e Medio Rural, Miguel Fernández, e unha vintena de directivos e membros de asociacións veciñais do municipio, supervisaron este venres a execución do proxecto acometido polo Concello para reorganizar a mobilidade no entorno do HULA, unhas actuacións coas que o exterior do complexo hospitalario gañou 130 prazas de aparcamento, pasando a contar cun total de preto de 500 espazos gratuítos para estacionar (393 en diagonal, 53 en liña e 8 para persoas con mobilidade reducida).

O proxecto, dotado con 17.000 euros, consistiu no cambio da sinalización do aparcamento da estrada que rodea o hospital, que pasou a ser na súa maioría de lineal a diagonal, co que agora quedan dous carrís amplos de circulación.

Lara Méndez asegurou que o Concello seguirá reivindicando “ante unha administración xorda con Lugo, como é a Xunta de Galicia, a gratuidade do parking interior, porque, a pesar de que gañamos prazas, seguen sendo insuficientes, e mentres isto non sexa posible, a redución das tarifas ao 50%, pois están moi por encima dos prezos doutros hospitais. Lugo, coma sempre, na cola do vagón”.

Así mesmo, a rexedora avanzou que o Concello seguirá dotando de máis espazo de aparcamento no exterior do HULA coa condicionamento da parcela de titularidade municipal existente en fronte das instalacións. “Agora cos orzamentos aprobados, seguiremos impulsado esta medida. Xa no mes de febreiro levamos a cabo o desbroce e, respectando o patrimonio alí atopado, a mámoa, crearemos un novo espazo para que os veciños e veciñas de Lugo teñan un fácil acceso ao hospital, xa que todos  somos, fomos ou seremos usuarios do HULA, e non se pode gravar aos pacientes e aos familiares cuns custes elevadísimos”.

Pola súa banda, o Concelleiro de Infraestruturas Urbanas confía en que “o incremento das prazas que conseguimos dea resposta e palíe na medida do posible as dificultades de aparcamento que teñen os cidadáns no entorno deste complexo hospitalario”.

Núñez agarda así mesmo que, “en cumprimento do acordo plenario acadado polos seis grupos políticos con representación no Concello, a Xunta e o PP teñan a suficiente sensibilidade como para abaratar e incluso establecer a gratuidade total do aparcamento interior”, pois xa no seu momento os terreos do HULA “foron costeados pola totalidade dos cidadáns”, co que, “no fondo, o que están facendo é un repago de algo que xa financiaron no seu momento”.

O presidente da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo valorou positivamente a creación das novas prazas e que “dende o primeiro se contara con nós, se nos chamara para pulsar a nosa opinión”. “Algún dicía que isto era fume. Agora deberían dicir que hoxe vemos aquí como os lucenses teñen 130 oportunidades máis de aparcar”.

Vázquez insistiu “no que vai ser unha das nosas grandes reivindicacións, pois rexistramos hai pouco unha solicitude de todo o expediente de adxudicación do parking interior. Queremos saber como por 50.000 euros e por coidar e regar catro plantas se pode ter subxugados a 250.000 lucenses; é unha educación difícil de explicar”.

“É asombroso ver como as persoas que nos diriximos ao hospital temos que estar pagando tarifas escandalosas que non benefician máis que a algúns particulares e concretos persoeiros ou empresas. É algo incualificable; non se pode facer este tipo de negocios coa sanidade e coa saúde dos lucenses, como non se nos pode discriminar”, afirmou o presidente da federación.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com