O concello anuncia que recorrerá a resolución da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil que obriga á Xunta e á administración local tirar nun prazo de quince días unha das rotondas novas situadas na ponte de Paradai, que une a rúa Serra de Meira co viaduto.
A Confederación Hidrográfica resolveu deste xeito o expediente aberto a raíz dunha denuncia da asociación ecoloxista Adega, que argumentaba que dita infraestrutura invadía o dominio público hidráulico.
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez cre que este tipo de resolucións “só crean inseguridade xurídica” e “afectan ao desenvolvemento da cidade”. A este respecto, Méndez anuncia que ata que non se resolva o recurso que presentará o concello non se procederá ao derrubamento e defende a “legalidade das actuacións”.