O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, reunirase cos representantes dos traballadores de Alcoa nas plantas da Coruña e San Cibrao. Na sala de xuntas da Consellería. foto xoán crespo 31/05/16

Conde defende ante os traballadores de Alcoa que é necesario un proxecto “con garantía de continuidade”

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, trasladoulles hoxe aos representantes dos comités de Alcoa que a Xunta apoiará “calquera decisión que pase pola continuidade das plantas” da Coruña e San Cibrao.

No encontro, celebrado en San Caetano, Conde incidiu en que para iso é necesario un proxecto industrial con garantías de continuidade, que deberá levar consigo os investimentos necesarios para dar unha maior competitividade a ambas plantas, e por suposto o mantemento dos postos de traballo tanto na Coruña como en San Cibrao.

O conselleiro reiterou que a Xunta mantén un contacto continuo coa empresa, e seguirá a facer un seguemento polo miúdo do proceso. Conde apuntou así mesmo que o Goberno galego espera que a compañía garanta un futuro para as plantas de Alcoa en Galicia, unha industria estratéxica para a comunidade e un motor económico para o norte da provincia de Lugo.

Na reunión tamén se incidiu na orde de interrumpibilidade, e en cales son os requirimentos e de cara ao futuro que precisa Alcoa e o conxunto de empresas electrointensivas que están a desenvolver a súa actividade en Galicia. Neste eido, Conde, que salientou que manterá o diálogo continuo cos traballadores, incidiu na necesidade dun contexto de maior certidume no ámbito da poxa eléctrica.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com