A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, amosouse “orgullosa” de que a cidade acolla os Xogos do Eixo Atlántico, unha xuntanza que “pon en valor novamente a importancia da Eurorrexión como motor dinamizador das distintas zonas e cidades que a compoñemos”.
Esta mañá a alcaldesa, xunto co presidente do Eixo Atlántico, presidiu a xuntanza que celebrou en Lugo a Comisión Executiva do Eixo Atlántico, á que tamén asistiron representantes dos concellos de Monforte, A Coruña, Lalín, Braga e O Barco.
Tras a reunión, Lara Méndez incidiu en que “ante problemas colectivos, son necesarias solucións comúns, para facerse máis competitivos fronte a outros lugares como o Mediterráneo”. A alcaldesa tamén avanzou que na xuntanza se fixo fincapé nas infraestruturas, “que significan ter comunicacións entre a Eurorrexión”. Deste xeito Méndez reivindicou a construcción dunha estación intermodal en Lugo, algo que leva reclamando reiteradamente o Concello.