Lugonovo manterá a semana que vén unha xuntanza con membros do Goberno local para esixir que se corrixan “de xeito prioritario e inmediato” as irregularidades no capítulo de persoal que afectan ao concello.
Segundo a formación, nos últimos días ata tres sentenzas xudiciais puxeron de manifesto a existencia de irregularidades no actual cadro de persoal do consistorio local, que non se corresponde coa Relación de Postos de Traballo, elaborada no ano 2006.
Desde Lugonovo salientan que a mellora dos Recursos Humanos do concello é unha cuestión prioritaria para aforrar recursos públicos e para evitar que se realicen contratacións de xeito clientelar.
“Esiximos unha planificación dos RRHH que debe ter como obxectivo contribuír á consecución da eficacia na prestación de servizos e á eficiencia na utilización dos recursos económicos dispoñibles mediante a dimensión axeitada dos seus efectivos, a súa mellor distribución, formación, promoción profesional e mobilidade”, apuntan desde a formación.