O BNG denuncia a existencia dun verquido de augas fecais no Camiño Primitivo, no chamado Carril da Vía, no barrio da Chanca. Por este motivo, os nacionalistas trasladaránlle ao goberno municipal a necesidade de intervir neste tramo do camiño, o máis próximo a cidade.
Con todo, non é a única deficiencia detectada pola formación. “Ademais da existencia deste verquido comprobamos como a maleza está a tapar parte de sinalización do Camiño Primitivo o que provoca, nalgúns casos, que os peregrinos tomen camiños equivocados”, informou o voceiro da formación Rubén Arroxo. Arroxo engadiu ademais que “hai moitas pequenas melloras que se poden facer con poucos cartos e que mellorarían considerablemente o aspecto do tramo do camiño no concello de Lugo”.
A este respecto, dende o BNG solicitan tamén que se poña en funcionamento unha fonte de auga na zona de chegada do Camiño Primitivo á ronda de Fontiñas. “Parécenos axeitado que nun sitio que se chama Fontiñas se poidan abastecer de auga as persoas que fan o Camiño”, apuntou Rubén Arroxo.