A Deputación de Lugo e a Universidade de Santiago de Compostela volverán ofrecer descontos do 50% nas matrículas do Campus de Lugo no marco da campaña ‘Para estudar, Lugo’. Trátase da terceira edición desta iniciativa que promociona Lugo como cidade universitaria ofrecendo descontos na primeira matrícula aos estudantes de 10 titulacións do campus lugués.
A campaña foi presentada esta mañá polo presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, e o vicerreitor de coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno Lema.
Campos salientou os “bos resultados” que tivo a campaña en anteriores convocatorias. “Grazas ás dúas anteriores convocatorias, dende 2013 conseguimos incrementar en 10 puntos a taxa de ocupación da totalidade de prazas que ofrece a USC en Lugo. Ademais, aumentamos nun 18% o número de estudantes nestas 10 titulacións, nas que volvemos a asumir a metade dos custos da matrícula de primeiros estudantes do Campus lugués, con 120.000 euros da Deputación”, engadiu Campos.