O concello e o Club Fluvial organizan os XV Cursos de Piragüismo para rapaces e rapazas dende os 8 anos. Así o deu a coñecer este mércores o Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, quen subliñou que grazas a esta actividade, “os máis cativos poderanse iniciar neste deporte tan arraigado na cidade nunha contorna natural como é o Miño”. Ademais, estes cursos permiten competir nas diversas modalidades do piragüismo, podendo alcanzar cotas máis altas.
Todos os interesados en participar deberán saber nadar como mínimo 50 metros. Poden recoller a solicitude de inscrición nas oficinas da Concellería de Deportes ou no Club Fluvial. A cota do curso será de 25 euros para adultos e nenos. Os cursos celebraranse por quincenas de luns a venres, arrincando o vindeiro día 16 de xuño.