Lugo acolle por primeira vez un campionato galego de natación sincronizada. Trátase do campionato galego de verán de nivel de natación sincronizada, que atraerá á cidade a unhas 1.000 persoas entre nadadoras, acompañantes e organización e que reunirá ás mellores deportistas de Galicia desta modalidade a vindeira fin de semana, os días 18 e 19, nas piscinas de Frigsa.
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, subliñou que para o Concello é “unha gran satisfacción e privilexio acoller por primeira vez na nosa cidade este campionato de sincronizada, ademais da man do Club Porta Miñá, emblemático, no que moitos nenos e nenas practican natación, e dentro dela esta modalidade tan complexa e sacrificada, que esixe moitas horas de traballo e esforzo, algo que é de recoñecer e admirar”.
Lara Méndez encadrou a colaboración do Concello con este evento na súa “aposta clara e decidida” polo deporte, “ao que destinamos 3 millóns de euros nos Orzamentos deste ano para actividades deportivas, competicións, torneos ou gastos de equipos e clubs”. Neste senso, a rexedora destacou o apoio municipal ao deporte base e á formación de canteira na cidade en numerosas disciplinas.