A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de poñer a disposición da cidadanía no portal educativo http://www.edu.xunta.es/fp/ o borrador das ordes de oferta de ciclos formativos para o curso 2016/2017, a través do que se ofrecen na provincia de Lugo 4.195 prazas en primeiro curso en centros públicos, en 168 ciclos e programas formativos autorizados. Delas, 3.083 forman parte do réxime ordinario – 1.368 en grao medio, 1.155 en grao superior e 560 en FP Básica-, mentres que outras 639 son do réxime modular para persoas adultas – 371 en grao medio e 268 en grao superior-, 300 do réxime modular a distancia – 150 en grao medio e 150 en grao superior-, 57 en FP Dual – 27 en grao medio e 30 en grao superior-, e outras 80 en programas formativos para persoas con necesidades específicas de atención educativa.
A oferta incorpora as súas principais novidades na FP Dual. Deste xeito no curso 2016/2017 arrincarán 2 ciclos de FP Dual na provincia, ambos completamente novos, nomeadamente os de grao superior en Administración e finanzas e en Axencias de viaxes e xestión de eventos, no IES Val do Asma de Chantada (co grupo Hotusa). No caso da FP Básica, implantada no curso 2015/2016, amplíase e diversifícase a oferta.
Neste sentido cómpre salientar que se comeza a ofertar no IES Fontem Albei (A Fonsagrada) o ciclo básico de Informática de oficina.
No que atinxe aos ciclos de grao medio e superior a novidade máis salientable á a implantación dunha nova titulación, concretamente a de grao superior en Mantemento aeronáutico no CIFP As Mercedes (Lugo). Así mesmo incorpóranse á oferta de cada un dos centros indicados os ciclos de grao superior en Automatización e robótica industrial, no CIFP Politécnico de Lugo; e de grao superior en Desenvolvemento de aplicacións web, no IES A Pinguela de Monforte de Lemos (substituíndo ao de Administración de sistemas informáticos en rede). Neste último centro, ademais, pasa de réxime modular a ordinario o ciclo de grao medio en Sistemas microinformáticos e redes.
No réxime modular para adultos incorpóranse á oferta o ciclo de grao superior en Sistemas electrotécnicos e automatizados, no CIFP Porta da Auga (Ribadeo); mentres que na modalidade a distancia se implanta no CIFP As Mercedes o ciclo de grao superior en Desenvolvemento de proxectos de instalación térmicas e de fluídos na modalidade a distancia, que será de oferta única en Galicia nesta modalidade non presencial.