Localizado no concello lucense do Vicedo o mozo santiagués de 33 anos que permanecía desaparecido dende o pasado luns. Foi un particular o que chamou este mediodía ao servizo do 112 Galicia para informar da localización do vehículo do home, que se atopaba preto do Mirador de San Román, no Vicedo.
Membros do Centro de Atención as Emerxencias avisaron aos axentes de seguridade que, pouco despois, confirmaron que se trataba do rapaz desaparecido e que se atopaba en aparente bo estado de saúde.
A familia do mozo denunciara a súa desaparición o pasado luns na comisaría da Policía Nacional de Santiago, logo de que marchase a traballar a primeira hora do día e non regresase. Posteriormente os seus familiares comprobaron que tampouco acudiu ao seu centro de traballo, polo que decidiron alertar aos axentes da súa desaparición.