A Audiencia Provincial de Lugo rexeita a posta en liberdade do home senegalés principal acusado do asasinato de Tatiana Vázquez, a rapaza de Castro de Rei que aparecía acoitelada no mes de abril no seu coche, no barrio lucense de Sanfiz.
A Audiencia Provincial entende que Ibrahim Ndiyae debe permanecer en prisión provisional, onde continúa dende o pasado mes de abril, xa que a súa posta en liberdade podería interferir na investigación da causa, que aínda continúa aberta. O tribunal entende ademais que podería haber risco de fuga, xa que o acusado se enfronta a unha posible condena por asasinato.
O letrado do home senegalés, Cesar Lodos, solicitara nas últimas semanas a súa excarceración por entender que as probas existentes contra el non eran concluíntes. Lodos cre tamén que non existe risco de fuga, e que se pode optar por un sistema que obrigue a Ibrahim a asinar diariamente ou semanalmente no xulgado sen necesidade de privalo da súa liberdade.