O voceiro do GPP no Senado e candidato número un pola provincia de Lugo, José Manuel Barreiro, pediu hoxe que “apliquemos aquilo de que a unión fai a forza, o vindeiro domingo. “Os moderados debemos ir xuntos e concentrar o noso voto en torno ao Partido Popular”, subliñou.
Barreiro fixo estas declaracións no mitin central do partido na cidade de Lugo onde estivo acompañado, entre outros, polo Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo e a Presidenta provincial, Elena Candia. Na súa intervención o dirixente popular fixo fincapé en que España necesita experiencia, moderación e seguridade, “a experiencia de Rajoy, a moderación do PP e a seguridade nas pensións, o crecemento e o emprego”.
O voceiro popular dixo que “aquí en Galicia xa sabemos o que fan as “mareas”, que suben ou baixan dependendo do día”. “Nós non queremos eso no Goberno, queremos estabilidade”.
José Manuel Barreiro puxo como exemplo do desgoberno o que está acontecendo na Deputación de Lugo: “concentrar o voto en torno ao PP é a única maneira de evitar que se traslade a España o modelo de caos que temos na Deputación”. Lembrou que a única alternativa ao Goberno do PP é un Goberno presidido por un comunista que admira a Zapatero.
Os trucos de maxia de podemos
Barreiro comparou o programa económico de Podemos cun espectáculo de maxia: “é un truco realizado coa carteira dos contribuíntes, coa diferencia de que o mago devólveche a carteira cando remata o espectáculo e os de Podemos non”.
Barreiro tamén se referiu ao programa electoral da formación morada: “envolven o seu programa nun catálogo de Ikea porque a Pablo Iglesias gústalle facerse o sueco, tamén o fai cando lle preguntan por Venezuela”.
Facer do voto unha utilidade
Pola súa parte, a presidenta do Partido Popular de Lugo, Elena Candia, deixou claro que votar a Cidadáns en Galicia “é perder o tempo, un voto que cae en saco roto, un voto que non vai nin para o PP nin para Cidadáns”. Así, lembrou que isto foi precisamente o que sucedeu nos pasados comicios nos que o PP perdeu un escano en Lugo a favor dos de C´S, que finalmente non conseguiu representación algunha na provincia. “Os votos que algúns cederon a C´S serviron para que outras formacións políticas avanzaran e o fixeran sen proxectos definidos”. Por iso a presidenta do PP provincial insistiu na necesidade de “sumar esforzos para facer do voto unha utilidade”.
Durante a súa intervención, a líder dos populares en Lugo tamén afirmou que Feijóo é sinónimo de proxecto útil e consolidado, como así demostran os números. “Galicia nunca tivo que tirar do Fondo de Liquidez Autonómica para avanzar, ten as contas saneadas o que nos permite agora investir e seguir na vía da recuperación”.
Neste sentido, Candia referiuse ao PSOE como un partido sen líder e sen rumbo definido, a un Cidadáns como un partido de ida e volta e a unhas Mareas en Galicia e un Unidos Podemos a nivel nacional que recollen dende ideas progresistas, comunistas, nacionalistas, feministas, ecoloxistas. “Agora poñan a todas estas formacións a entenderse e a facer unha proposta común para gobernar, é imposible”, dixo Candia.