Alternativa Cidadá de Esquerdas defenderá mañá na xuntanza entre representantes do Concello, das Anpas e a Xunta para abordar a problemática dos comedores escolares que sexa o Goberno local quen licite o servizo e que se firme un convenio de colaboración entre Concello e Xunta para acceder á financiación autonómica.
ACE lembra que existe un acordo plenario a iniciativa da formación que obriga ao Concello a seguir este procedemento e no que se esixe ademais que se elabore unha ordenanza fiscal que garanta prezos progresivos atendendo ao nivel de renda familiar e un regulamento municipal que protexa os dereitos dos usuarios.
Para o voceiro da formación, Carlos Portomeñe, a asunción por parte das ANPAS da xestión integral deste servizo “implica un desembolso considerable que abocará presumiblemente ao mantemento dos elevados prezos dos menús”, polo que “se seguirá restrinxindo o acceso aos comedores escolares ás familias de rendas máis baixas ou en situación de emerxencia social, que son precisamente as que máis o necesitan”.
“O cumprimento deste acordo plenario é a solución máis xusta para as ANPAS e as familias, e a que ofrece a maior seguridade xurídica posible, e non vai en detrimento de que a Xunta de Galicia acabe asumindo por completo a xestión dos comedores de tódolos centros escolares afectados, como vén solicitando dende hai anos a FAPACEL”, explica Portomeñe. “O que non é serio é que o equipo de goberno pareza máis pendente de garantir o negocio da empresa adxudicataria que de defender os dereitos das familias e o benestar dos cativos e cativas.